BENVIDAS E BENVIDOS AO BLOGUE DO CORRELINGUA

Que é o Correlingua?

CORRELINGUA é a denominación que adoptaron de maneira común a partir de 2001 as diversas carreiras en prol do idioma que se convocaron no país. É unha proposta de carácter lúdico, educativo, e reivindicativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

O Correlingua, que xa vai pola súa novena edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.

Desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola normalización Lingüística, e os concellos de Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo viñemos organizando unha actividade de carácter nacional que transita dunha a outra localidade cun denominador común que é a dinamización lingüística da mocidade.

Cal é a finalidade do Correlingua?

Se temos en conta a importante perda de falantes de galego que reflicten os estudos que se veñen realizando e que se está a producir entre a poboación máis nova é evidente o interese que ten a dinamización lingüística entre a mocidade.

Por isto cómpre chamar a atención de todas as instancias político-sociais a respecto de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma. Asemade, cómpre facelo incorporando a mocidade coa súa participación activa.

Os obxectivos concretos do Correlingua que desenvolven e enriquecen a idea anteriormente exposta son tres:

- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.

- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua.

- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.

Destinatarios/as

As actividades do Correlingua –especialmente as actividades preparatorias– diríxense fundamentalmente ao alumnado de centros de ensino , tanto de titulariedade pública coma privada, de diferentes niveis. Xa que logo, contamos coa participación de nenos e nenas de educación infantil, primaria, secundaria e postobrigatoria.

Porén, as actividades non se circunscriben ao alumnado, senón que a través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas de ámbitos diversos. Asemade, coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades espállanse tamén mensaxes de defensa e promoción da lingua na sociedade en xeral.